Historia

SEGUNDO VILABOY MARTÍNEZ NO ANTIFRANQUISMO GALEGO (1936-1954)

Nesta altura segue sendo preciso repetir que en 1931, hai case oito décadas, se abrían o “tempo de esperanza” da Segunda República, a ilusión proletaria na revolución social, o avanzo cara ao autogoberno de Galiza, … E tamén lembrar que nese mesmo tempo en Europa medraban as ideoloxías totalitarias de dereita: o fascismo italiano, o “estado Novo” portugués, o nazismo alemán, en Francia “Ordre Nouveau”, o “National Front” británico, en España as JONS, o Requeté, as JAP, e, máis nomeadamente, a “Falange”.

Sorprendida a dereita en 1931, aturando con carraxe os avances democráticos do primeiro bienio republicano, querendo desmontalos en 1934 e 1935, o triunfo abrumador das candidaturas da Fronte Popular en febreiro de 1936 acelerou a conspiración antirepublicana. A xenreira dos grupos dominantes (exército, igrexa católica, capital), que temían perder os seus privilexios de clase ou de casta, potenciou unha sublevación militar-fascista que comezou o 18 de xullo de 1936 no Marruecos “español”, o día 19 en Sevilla, Burgos, Pamplona, …. Xustamente, cando “os galegos queríamos e sabiamos gobernarnos, a dereita chamou polas catro bestas do Apocalipse e desatou o terror” (Castelao).

Cunhas autoridades republicanas desconcertadas, o exercito, reforzado por elemento dereitistas, saíu ás rúas tamén en Galiza; A Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Ferrol, …, foron tomadas entre os días 20 e 22 de xullo. De xeito semellante sucederon as cousas nas principais vilas de Galiza, Tui, Noia e Ribadeo caeron antes de que rematara ese fatídico mes de xullo. Dificilmente un pobo desarmado e heroico, defensor da legalidade republicana, pode vencer a un exército profesional.

Daqueles días de xullo do 1936 en diante en Galiza só houbo represión e resistencia. Dende o primeiro día os sublevados mataron, encadearon, torturaron, deportaron a eito; as cifras de persoas reprimidas son tan elevadas que aínda hoxe os investigadores seguimos abraiados da insania, do desexo de exterminar toda disidencia, da indefensión dos vencidos. E nunca os vencedores souberon nin quixeron ser xenerosos.

Mais, aquela aparente e cruenta vitoria foi tan ficticia como que agachados nos sotos, nos faiados, nas cortes e nos montes centenares de demócratas sobrevivían e resistían, dese xeito naceu a resistencia armada galega ao franquismo, a máis irta, incisiva e persistente das que ata comezos da década dos cincuenta actuaron contra a ditadura franquista, un réxime totalitario que se dilatou ata os últimos anos setenta, pois se Francisco Franco morreu o 20 de novembro de 1975, as súas leis e os seus conmilitones aínda seguiron gobernando.

A GUERRILLA ANTIFRANQUISTA GALEGA (1936-1950). SINOPSE

Os fuxidos galegos do verán de 1936, lonxe de calquera fronteira democrática, deron en guerrilleiros, mantendo ata 1954 unha dura resistencia, que foi especialmente activa entre 1945 e 1949, controlada nese período polo PCE baixo a denominación de EJÉRCITO GUERRILLERO DE GALICIA, estruturado territorialmente en cinco Agrupacións, das que as máis fortes foron a IVª (A Coruña) e a IIª (Ourense). Contando cun forte apoio popular, a propia “Dirección General de la Guardia Civil” recoñecía en 1948 "que los enemigos del Régimen dicen que Galicia es la primera zona guerrillera", e Eduardo Pons Prades escribiu que "la resistencia armada gallega fue la más autóctona, incisiva y dilatada de todas las tierras de España".



CRONOLOXÍA BREVE DA GUERRILLA ANTIFRANQUISTA GALEGA (1936-1954)

- 20/30 xullo de 1936.- os sublevados toman as cidades e pobos de Galiza. Gran represión. Primeiros “fuxidos”.

- Outubro de 1937.- Caída do Frente Norte republicano: numerosos combatentes republicanos veñen refuxiarse ás montañas de Galiza.

- Abril/Outubro de 1939.- Fin da Guerra Civil. Accións militares contra os “fuxidos” galegos. Neira no norte de Galiza e “Gafas” no surleste estruturan a primeira resistencia organizada.

- 1942.- Nacemento da “Federación de Guerrillas de León y Galicia”, unitaria. Numerosos enfrontamentos armados no leste das provincias de Lugo e Ourense e na área de Ferrol-Betanzos-Ortigueira-Viveiro.

- 1943.- Caída da organización do PCE na bisbarra de Ferrol. Sabotaxes contra as minas de wolfram. Enfrentamentos armados en Ourense, Casaio, Moeche, Ortigueira, Coristanco, Celanova, Ourol, …

- Outubro-decembro de 1944.- Invasión de Arán, entrada de cadros do PCE. Primeira coordinación en Galiza dos diferentes grupos armados cara a constitución de agrupacións guerrilleiras vencelladas á UNE/PCE. IVº Congreso da “Federación” no surleste de Ourense.

- 1945.- Tensións entre a “Federación” e o PCE, que organiza o “Ejército Guerrillero de Galicia”, con “Marrofer” na xefatura.

- 1946.- Chegados do exterior Gayoso e Seoane potencian a IVª Agrupación: espectacular incremento de accións armadas e de propaganda. Morte de “Marrofer” (xuño), Manuel Ponte na xefatura do “Ejercito guerrillero de Galicia”: organización das agrupacións IIIª (norte e centro de Lugo) e IIª (oeste e centro de Ourense). Edición de “El Guerrillero”.

- 1947.- Constitución da Vª Agrupación (norte de Pontevedra). Numerosos sabotaxes e eliminación de dereitistas (un total de 54: G. Civiles, xefes locais de Falange Española, alcaldes, cregos, confidentes) que fan medrar a presión policial, morrendo en diferentes circunstancias de 21 guerrilleiros e enlaces, entre eles Manuel Ponte (abril) e Segundo Vilaboy (decembro). Disolución da “Federación”.

- 1948.- Caída do "Comité Gallego del PCE" e a dirección da guerrilla. Construción de bases subterráneas na área Ferrol-Mugardos-As Pontes-Coruña. O grande activismo provoca moitas detencións e que a guerrilla perda 24 combatentes, entre eles Gayoso e Seoane (novembro).

- 1949.- Contrapartidas, confidencias, infiltracións na guerrilla: caídas de Chávaga (Monforte), da “guerrilla volante” ourensá, de Remesar (Bóveda), de Pazos (Monfero), etc. A guerrilla perde 35 combatentes.

- 1950-1951.- Marchan a Francia os responsábeis da guerrilla e do PCE en Galiza. A guerrilla perde 31 combatentes.

- 1952-1954. Benigno Andrade “Foucellas”, agarrotado na Coruña en agosto do 1952. Francísco Martínez Leira “Pancho” morto en enfrontamento o 31 de decembro de 1954 na Mediña, Ombre, Pontedeume. Fin da guerrilla galega.



Documentación elaborada e achegada polo historiador Bernardo Máiz Vázquez