Queridos camaradas: comezo escribindo esta carta que non sei se poderei rematar. Sei que se aproxima a miña fin, pois o vexo na cara dos meus gardiáns, e xa estou presenciando os preparativos das feras que se dispoñen a darse un festín sanguento e precisamente en vésperas de Noiteboa. Así son estes chamados católicos ...
...
Desde o día en que me colleron, sen sentido porque con vida xamáis me deixaría atrapar, non lles importou que estivera case moribundo. Primeiro foron os interrogatorios de 12 a 14 horas ata que, esgotado, perdía o coñecemento. E cando viron que con palabras e promesas nada sacaban de min comezaron as torturas. Nin eu mesmo recoñezo as miñas mans e os meus pes. Estiven 15 días que non podía mexar máis ca sangue ... O mesmo que case sen vida me gritaban, ou cantas ou te matamos, a miña resposta foi e segue sendo a mesma: a miña vida poderedes quitarma, pero non a dignidade. Neses momentos lembrábame de que son comunista e un guerrilleiro, e os comunistas non se acovardan, non cantan xamáis. Ante isto que importa perder a vida!! ...
...
Camaradas despídome de todos, dos que foron meus compañeiros de traballo, dos meus irmáns guerrilleiros, da gloriosa IV Agrupación e de nosoutros, camaradas do Partido. Despídome da miña amada Galicia, pola que dou a miña vida, con este berro que sairá da miña gorxa no derradeiro momento: Viva o Partido Comunista!! Viva a República!"

Segundo Vilaboy Martínez.

Extracto da carta enviada á dirección do Partido Comunista o 17 de decembro de 1947.

Carta publicada no Mundo Obrero (15 xaneiro 1948)




Esta xornada está organizada por un grupo de amigas e amigos que o único que pretendemos e darlle unha merecida homenaxe ao combatente e loitador antifranquista Segundo Vilaboy Martínez. Este ferrolán, traballador dos estaleiros e Secretario Político do comité ferrolán do Partido Comunista, foi asasinado no ano 47 a garrote no cárcere de Caranza despois de ser detido, torturado e paseado pola Garda Civil durante días polos distintos lugares da comarca coa intención de que delatara aos seus camaradas, cousa que non foron quen de conseguir.

Obreiro e comunista, adicou toda a súa vida á loita pola liberdade da súa clase. Podemos lembrar a súa participación, canda aos seus irmáns, na coñecida como folga do aceite nos estaleiros. Segundo Vilaboy era un combatente e un loitador, un exemplo de compromiso e adicación á loita antifranquista, e ademais, como lembran os máis achegados, unha gran persoa, un verdadeiro Camarada, alguén no que se podía confiar, todo un exemplo a seguir.

Dar as grazas a toda a xente que colabora e axuda na realización desta xornada e moi especialmente aos historiadores Bernardo Máiz Vázquez e Joam Lôpes, ao gaiteiro Agulló, aos grupos RPG 7, Mossin Nagant e Mencer Vermello, ao bar Chimarrao, a toda a  xente que participa desta xornada dunha ou doutra maneira e á familia de Segundo Vilaboy Martínez.